Saturday 18 de May de 2024

Showcooking na Praza de Abastos de Ordes


Terá lugar este sábado durante a mañá e elaborarase risoto de quinoa, tartar de salmón e causa de mexillón con maionesa. A actividade promocional forma parte da campaña ‘Quere o teu mercado’

Este vindeiro sábado, 26 de maio, o Concello de Ordes invita a todas as persoas que o desexen a desfrutar dun showcooking na Praza de Abastos. Risoto de quinoa, xarda e nabo; tartar de salmón con pan de gamba; causa de mexillón e maionesa de calamata; e faceira de porco e batata vainilla serán os pratos que se prepararán en vivo e en directo para, posteriormente, degustalos entre todas e todos os que acudan.

Os pratos confeccionaranse en dous pases, os cales darán comezo aproximadamente ás 10.30 e ás 11.45 horas. Para que o público poida desfrutar da actividade e tomar boa nota sen perder ningún detalle habilitarase un espazo e instalarase unha cociña a carón dos postos habituais.

A través desta iniciativa quérese amosar a variedade de produtos naturais e frescos que se poden mercar na Praza de Abastos, así como as innovadoras receitas que con eles se poden realizar. Sen dúbida un bo xeito para promover este espazo e incentivar as compras.

Produto local
Deste xeito o Concello de Ordes participa, un ano máis, na campaña ‘Quere o teu mercado’, lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados (www.quereoteumercado.gal). Esta está promovida pola Xunta de Galicia en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de comerciantes. Como obxectivo principal está o de destacar o papel dos mercados nas cidades, potenciar a compra do produto local e enxalzar a profesionalidade de praceiros e praceiras.

En conxunto hai máis de 50 mercados ao longo de toda a Comunidade, nos cales se están a realizar distintas actividades co fin de visualizar, promover e activalos. No caso da Praza de Abastos de Ordes tamén se repartirá material promocional entre a clientela, como bolsas, mandís, doces, bandeirolas etc.